XOGUETES DE NADAL

Iniciamos o noso blog do DEPARTAMENTO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA cun artículo que nos parece de gran interese sobre todo nestas datas de nadal.



CONSELLOS PARA ELIXIR UN XOGUETE (Elaborado polo Departamento de Orientación do CEIP de Reibón, Meira-Moaña)



Reflexións que poden ser eficaces á hora de comprar os xoguetes que con tanta ilusión reciben os máis pequenos da casa:

·-Para ter éxito, un xoguete debe estar próximo ó mundo inmediato do neno/a e á súa forma de imaxinación. En definitiva, a actividade que propoña o xogo debe ser atractiva e lúdica, xa que os nenos/as xogan para divertirse e non para aprender.

·- Debe ser desexado polo neno/a. De non ser así, carecería de interese.

.-Que sexa seguro. Debe estar confeccionado con materiais que non se quebren ou sexan cortantes se rompen. As cores han de ser sólidas e non tóxicas. Canto máis pequeno é o neno/a máis grandes deben ser os xoguetes.
.-Que sexa simple. Isto aumentaría a gama de usos que se poden facer del, desenvolvendo a súa fantasía e a súa capacidade simbólica.
.-Non comprar os xoguetes para satisfacer un capricho momentáneo do neno/a
.-Xeralmente non deben ser utilizados para premiar ou castigar ó neno/a
.-Debemos ter en conta que o exceso de xoguetes mata a fantasía e produce aburrimento
.-Se adquire xoguetes desmontables para os máis pequenos, asegúrese que as pezas teñan un tamaño que impidan que os nenos se atragoen con elas.
.-Teñamos en conta a súa personalidade: un neno/a retraído necesitará xogos socializadores (varios xogadores); a un neno/a hiperactivo/a resultaranlle axeitados xogos de atención, artísticos, etc...

Compra de videoxogos:

.-Ter en conta a idade do neno/a ó compralos, uns videoxogos resultan máis axeitados que outros polo seu contido e grao de dificultade.
.-Supervisar o tipo de videoxogo, informándose sobre o seu contido. Desta forma, poderemos evitar aqueles videoxogos con marcado carácter violento, sexista ou discriminatorio que poidan influír negativamente no desenvolvemento do neno/a.
.-Decantarse por aqueles videoxogos nos que sexa posible xogar varias persoas, de forma que o neno/a non xogue só/a


XOGUETES
PARA NENOS/AS DE 3 A 5 ANOS

Os pequenos de 3 a 5 anos xa están preparados para xogar ó aire libre ou imitar escenas familiares e profesionais. Bonecos, cacharriños, pelotas ou aparellos de profesións como médico ou enfermeira, libros de contos ou acción, lousas e xices, xogos de bloques, lapis de cores e plastilinas, xogos de carpinteiro, xoguetes de aparellos de limpeza, xoguetes para o exterior: tobogán, hamacas,casiñas..., vehículos: triciclos, coches, carriños,... axeitados para a idade, xoguetes de equipos de música, crebacabezas simples con pezas grandes, roupa de xoguete para xogar a vestirse, marionetas e bonecos articulados.


XOGUETES PARA NENOS/AS DE 6 A 9 ANOS

Sendo algo máis maiores, a investigación e a curiosidade por descubrir constitúen os aspectos máis destacados da vida do neno/a. Por esta razón, os xoguetes para o aire libre de máis peso como a bicicleta ou os patíns e os xogos educativos relacionados coa ciencia e todo o que nos rodea son moi apropiados: monopatíns, vehículos teledirixidos, xogos manuais, de preguntas e de experimentos, xogos de costura, xogos de cartas, monicreques, pelotas, bicicletas, trens eléctricos, bonecos de papel, cordas para saltar, patíns, equipo para deportes e xogos de mesa.



XOGUETES PARA NENOS/AS DE 10 A 12 ANOS

En xeral, a esta idade é recomendable elixir xoguetes que apoien os hobbies e as actividades científicas: xogos de ordenador, material para coser e tecer, microscopios e telescopios, xogos de mesa, equipamento para deportes, material de apoio para hobbies, xogos de estratexia e reflexión, audiovisuais, electrónicos e experimentos.



Se se compra unha bicicleta, comprar tamén un casco e asegurarse de que o neno/a o leve sempre que monte.


Comentarios